Tuesday 14 de May de 2024

O concello de Riveira afianza a seguridade viaria en Espiñeirido coa construción de 35 metros de beirarrúas na estrada DP 7103


A actuación que se está a executar serve de complemento ás obras de ampliación e mellora que está a levar a cabo a Deputación neste vial

Como complemento ás obras de ampliación e mellora da estrada DP 7103 que une Laranga (no municipio de Porto do Son) con Olveira (no municipio de Riveira), o Concello activou unha iniciativa complementaria consistente na construción dun tramo de beirarrúas no entorno do núcleo de Espiñeirido: un labor que se está a executar nestas últimas semanas.

Neste senso, o Concello adxudicou á empresa Excavaciones y Obras Candal a construción de 35 metros lineais de beirarrúas (cun ancho de 1,8 metros) e unha liña de pluviais da mesma lonxitude. O importe desta actuación ascende a 6.197 euros.

Con esta iniciativa dáse un importante paso á hora de afianzar a seguridade viaria dos veciños e visitantes a Espiñeirido, ao servir de complemento idóneo ás obras de ampliación e mellora da estrada que está a levar a cabo a Deputación da Coruña por un importe próximo ao millón de euros.

A este respecto, cómpre lembrar que dos sete quilómetros que comprende este vial, unicamente un (entre os puntos quilométricos 6.224 e 7.230) está radicado no noso termo municipal e que as obras no mesmo principiaron a principios do pasado mes de febreiro. Froito delas a calzada da estrada será ensanchada ata alcanzar os 9 metros.